About me/ COÑÉCEME

Benvidas e benvidos ao Recuncho da Historia e da Filosofía en Escolapios!

Ola a todos e todas! Son Rosa González Roca, aínda que moitos dos meus alumnos e algúns compañeiros coñécenme como "Rosa Stone". Confeso que este alcume me encanta, porque sempre o interpreto como un xesto de agarimo e complicidade.

Este é o meu blog educativo, un espazo onde comparto reflexións, recursos e experiencias sobre como conectar coa rapazada que cada día enche de vida o meu lugar de traballo: o Colexio dos Escolapios de Monforte de Lemos.

Considérome unha persoa optimista. De pequena, a historia e eu non tiñamos unha relación moi estreita. Aquela forma de ensinar baseada na memorización de datos non me engaiolaba. Co paso dos anos entendín que a miña mente non estaba preparada para tanta anotación e que, como moitos de vós hoxe, tiña outras cousas en mente.

Creo fondamente no potencial da mocidade, especialmente na súa capacidade creativa e na habilidade para resolver problemas. Moitas veces non lles damos a oportunidade de desenvolver estas competencias, quizais porque tendemos a presentarlles todo xa feito. E iso é algo que quero cambiar.

Encántame o meu traballo, e creo que se nota en cada clase que compartimos. Cada día séntome afortunada de formar parte desta gran familia escolapia. Para min, é fundamental coñecer os vosos gustos, opinións e referencias para poder ensinar desde a emoción. Así aproveitamos ao máximo esa marabillosa plasticidade neuronal que aínda conservades. Si, a neurociencia aplicada á educación tamén me apaixoa!

Espero de corazón que esta bitácora vos sirva, queridos alumnos, para descubrir que estudar e aprender pode ir moito máis alá do libro de texto. O cine, as cancións, a literatura, a televisión ou os creadores de contido dixital poden ser tamén fontes incribles de coñecemento.

E para os compañeiros de profesión, oxalá atopedes aquí algunha idea que vos inspire a innovar, a mellorar as vosas clases e, sobre todo, a manter acesa esa paixón que nos move.

Grazas por dedicarme un anaco do voso tempo. Se queredes contactar comigo, podedes escribirme a rosagroca@gmail.com.

"Un optimista ve una oportunidad en toda calamidad,
un pesimista ve una calamidad en toda oportunidad" Winston Churchill

CURRICULUM VITAE

ESTE BLOG FOI CREADO CON FINS EDUCATIVOS, RECOLLENSE TRABALLOS INTERESANTES DOUTRAS PERSOAS, SE ALGUÉN NON QUERE QUE SE EMPREGUEN QUE ENVÍE UN CORREO A  rosagroca@gmail.com 

O CONTIDO ELIMINARASE DE INMEDIATO. 

A miña Filosofía Educativa: Aprender para Transformar

Para min, educar vai moito máis alá de transmitir coñecementos. É unha forma de estar no mundo, de entender a realidade e de contribuír á construción dun futuro máis xusto e consciente.

Fomentar a Dúbida e a Creatividade

O esencial é que o alumnado aprenda a cuestionarse o que estuda, a dubidar do establecido. Só así se desenvolve o pensamento crítico e a creatividade, dúas ferramentas imprescindibles para transformar estruturas que xa non funcionan. Como dicía Piaget, "o obxectivo principal da educación é que as persoas sexan capaces de facer cousas novas, non só de repetir o aprendido."

Inspirar e Conectar co Propósito

Espertar o interese e a motivación é clave. As actividades deben ser atractivas e o entusiasmo, contaxioso. Un docente motivado é capaz de inspirar aos seus alumnos.

A educación en valores é outro dos piares do meu enfoque: a alegría, o entusiasmo, a participación, o respecto polas diferenzas, a lealdade e o espírito crítico son fundamentais para formar cidadáns comprometidos coa sociedade e cos demais.

Tamén considero esencial que o alumnado perciba a utilidade real do que aprende. O estudo do pasado, por exemplo, é unha ferramenta poderosa para comprender o presente e interpretar a realidade que nos rodea.

Recursos Vivos e Aprendizaxe Activa

Para achegar os contidos, utilizo recursos vivos como o cine, a música e a literatura. Traballamos con trailers, fragmentos de películas e letras de cancións, mentres que os filmes completos poden verse na casa, aproveitando así mellor o tempo na aula.

A participación activa é fundamental. Canto menos se explica e máis se practica, máis se aprende. Por iso, busco estratexias que reduzan o tempo de explicación e potencien o traballo autónomo ou guiado, tanto na aula coma na casa.

Un Acompañamento Respectuoso e Cercano

Cada alumno é único e trae consigo unha historia persoal que merece ser escoitada e respectada. É preciso acompañalos, querelos, axudalos e comprender as peculiaridades propias de cada etapa. Como adoito dicir: "Non trato aos meus alumnos coma aos meus fillos, trato aos meus alumnos como me gustaría que tratasen aos meus fillos."

Os Verdadeiros Protagonistas

En definitiva, todo este proceso cobra sentido porque os verdadeiros protagonistas da aprendizaxe sodes vós, os alumnos. Para rematar, déixovos cunha cita do meu filósofo favorito:

"Eu non podo ensinarvos nada, só podo axudarvos a buscar o coñecemento dentro de vós mesmos."
— Sócrates, século IV a.C.

Uso do portfolio para Ciencias Sociais. O Portfolio como ferramenta de traballo en secundaria

"Sólo podemos realizar aquello que hemos imaginado haber realizado" Roberto Aguado.

© 2016-25  Rosa González Roca. 
Última actualización 2025

Creado con Webnode Cookies
¡Crea tu página web gratis! Esta página web fue creada con Webnode. Crea tu propia web gratis hoy mismo! Comenzar